22N EN MADRID: CADA VIDA IMPORTA

O DRAMA MATERNO-INFANTIL, SEN SOLUCIÓN

Dr. José María Simón Castellví

Anterior presidente da FIAMC

http://www.cadavidaimporta.es/

O próximo 22 de novembro, sábado, miles de persoas manifestaranse en Madrid a favor da vida humana nacente. Trátase dunha concentración razoable xa que o partido político no poder, que goberna con maioría absoluta, incumpriu o seu programa e despois de marearnos durante meses non mellorará a actual lexislación sobre o aborto provocado.

En España a eliminación dun ser inocente no ventre materno e a perda da inocencia da súa nai non coñecen límite ningún. A lei que o permite —forzada hai anos por un Tribunal Constitucional que se empeñou en ler a Constitución ao revés do que di (“todos teñen dereito á vida”)—, os regulamentos que a desenvolven e as tibias respostas por parte de xuíces e fiscais converteron o país nun paraíso abortista. E Barcelona nun destino preferente do tristemente célebre “turismo do aborto”.1 Ademais, as axudas públicas e privadas ás xestantes con problemas son ínfimas. Só algunhas iniciativas pro-vida mostran a misericordia das boas xentes que aínda hai en España.

Vivín e combatín o drama do aborto dende que empecei a carreira de Medicina nos anos 80. Sempre fomos a peor. Nunca contamos nin cunha cultura, nin cunha intelectualidade, nin cunha opinión publicada, nin cunhas administracións públicas, nin cunha xustiza, que vise o drama materno-infantil do aborto e o mitigase o máis mínimo.

Non entro nas causas que nos levaron a este desastre humanitario nun país occidental cun nivel de vida relativamente cómodo. As causas, as escusas e os sofismas foron variando cos anos. E sempre en consonancia con certos lobbys internacionais aos que agora lles interesa facer desaparecer a Chile dos países que defenden o non nacido. Este é un país cunha medicina moi avanzada e unha proba vivente de que cunha lexislación restritiva non hai miles de mulleres mortas por abortos clandestinos.

Eramos moitos os que ansiabamos do Partido Popular algún avance na cultura da vida. Pediamos só un algo. E iso que creo que o “aborto cero” sería posible. Ninguén podía imaxinar anos atrás, co desenvolvemento de Internet, que sería posible loitar eficazmente contra delitos tremebundos como a pornografía de contido infantil ou o tráfico de persoas. E grazas a Deus, estanse combatendo eficazmente e os seus responsables están sendo levados ante a xustiza humana. Se as autoridades se poñen a traballar sempre hai resultados.

Non hai mal que por ben non veña. Se é certamente un misterio dos gordos que o Altísimo lle tolere á humanidade crimes abominables, tamén o é que un día o aborto provocado desaparecerá da face da Terra e que Deus é capaz de sacar ben dos crimes dos homes. Quizais a traizón do Partido Popular sirva para espertar as conciencias de moitos españois e dunha vez por todas os millóns de persoas que defendemos a vida nos organicemos eficazmente para protexer mellor nais, nenos e familias.

Parece ser que o Goberno español e, por desgraza, os gobernos autónomos, traballan coa hipótese de que o chamado voto católico non existe. Quizais teñan razón. Pero as cousas poden cambiar. Xa sei que a creación dun novo partido democristián ten os seus riscos e que o remedio pode ser peor que a enfermidade, pero foinos dada intelixencia e debemos utilizala. As lexítimas opcións temporais non deberían desviarnos do noso obxectivo: máxima saúde materno-infantil, ningún aborto procurado e gran calidade da asistencia obstétrica para todas e cada unha das mulleres, sexan españolas ou inmigrantes.

Traio a conto a idea dun posible partido ou agrupación de electores de cariz cristián porque, aínda que outras maneiras de pensar tamén poden chegar á conclusión da intanxibilidade da vida dende a concepción, o normal estatisticamente é que sexamos os cristiáns os que a defendamos.

Non estarei en Madrid o 22N xa que, Deus mediante, asistirei ao congreso que sobre o autismo organiza a Santa Sé.2 Pero o meu corazón e as miñas oracións, xunto á de tantos médicos e persoas de ben, estarán concentrados en Madrid, por un día capital da vida.

O Papa Francisco falounos da misericordia de Deus na xornada do Evanxeo da Vida.3 Non citou aquel día nin unha soa vez as voces aborto ou eutanasia. Quería centrarse en Deus que cura. Non obstante, cando recibiu a un congreso de xinecólogos católicos4 animounos a non nos deixar vencer pola cultura do descarte e a protexer os máis débiles e indefensos.

En Madrid darase testemuño da vida. Os pais que vaian cos seus fillos da man transmitiranlles nitidamente que cada vida importa!

1. http://www.forumlibertas.com/frontend/forumlibertas/busqueda.php

2. http://www.fiamc.org/agenda/conferenza-internazionale-su-l%C2%B4autismo/

3. http://www.fiamc.org/uncategorized/4890/

4. http://www.fiamc.org/texts/holyfather/holy-father-to-fiamc-mater-care-international/